Apuntamentos I

 

O costume que me arrastraba desde mozo de ver a paisaxe como imaxe me movía, en canto percibía o lugar na natureza como imaxe, ao empeño de fixala, de querer reter un recordo seguro de tales momentos.

Johan Wolfgan von Goethe1749-1832

 

Contemplar, estar e camiñar son no noso viaxe actitudes iniciais que por sentimento producen nesta deriva unha reacción tamén tripla de, recordar e comparar, representar e encadrar e discorrer que é chegar a bo termo. Todos eles ao longo do proceso pasan de ser sentimentos atopados, pola necesidade aclaratoria de entender que pasa, a ter razón de ser materializándose nunha serie de pezas neste caso: fílmicas, fotográficas e cartográficas. Filmar, fotografar e cartografiar, outra vez a triada, pechan o círculo dun itinerario en proceso de.

 

1.contemplar, recordar e comparar, filmar

 «Eu tiven momentos de vivo pracer cando desde o cume das montañas, a dúas ou tres mil varas sobre o nivel do mar, gozaba do vasto horizonte; eu comprázome aínda nestes recordos»

Domingo Fontán, 1788-1866

 

Fai case dous séculos, Domingo Fontán realiza o primeiro mapa moderno, geométricamente exacto, da península ibérica. Mentres percorría a xeografía galega detense un momento nas alturas para, coa simple contemplación do vasto horizonte, gozar de “momentos de vivo pracer”. Petrarca, catrocentos anos antes, fixo o mesmo no monte Ventoux e cambiou a idea do horizonte na arte, fíxoo paisaxe. Cando Domingo Fontán estaba na cima “gozaba do vasto horizonte”, unha década antes do seu nacemento, J.W.Goethe na súa primeira viaxe a Suíza tamén dende a cima do San Gotardo relata sensacións parecidas e a paisaxe fíxose romántico, xorde a vangarda artística europea.

Aínda sendo de interese todos estes feitos revolucionarios, de Fontán, o mais fascinante é a confesión final: “eu comprázome aínda nestes recordos”. Xa non se trata de ter momentos de vivo pracer nin de experimentar un goce extremo senón de, nunha acción ou conciencia memorística, seguir gozando do seu posterior recordo. Este feito, de gran importancia, permite da maneira mais pracenteira posible contar a outros ou a un mesmo o goce estético a través dos recordos. O vasto horizonte contemplado pasa a ser revivido, a paisaxe faise memoria.

Hai oitenta anos, en 1929 L. R. Alonso, fotógrafo e realizador, tomador de vistas, recibe o encargo por parte das Deputacións Galegas de rexistrar coa súa cámara cinematográfica unha visión total de Galicia e as súas paisaxes para dala a coñecer na Exposición Iberoamericana de Sevilla. Non chegará a bo termo, catro meses despois e con mais de tres quilómetros de metraxe realizados falece o 12 de Decembro de 1929. Son trescentas cincuenta tomas, o material queda sen montar ata que dous anos despois un grupo de amigos deciden montar a metraxe case tal como vén nos rolos de celuloide, o resultado é unha viaxe, en realidade a súa viaxe. Titulado así, Unha Viaxe por Galicia 1929 é o documento mais cedo e aínda hoxe, mais completo xamais filmado do territorio galego, sobre Galicia coma paisaxe.

Obra que a pesar de ser tachada por algúns críticos de pouco comercial, pola excesiva metraxe, de calidade cinematográfica primaria, non comparable a obras similares da mesma época como a Illa de Man de Flaherty, cobra con todo nun visionado completo un tempo de viaxe exploratorio certamente hipnótico e apaixonante. Talvez sexa pola confluencia dunha gran cantidade de amplas tomas panorámicas, mais de cen, ou talvez sexa pola profusión de localizacións, mais de duascentas, esparexidas por todo o territorio, pero o que parece unha mera documentación fílmica pasa de súpeto a ser unha viaxe iniciática por un pasado extrañamente esquecido. Itinerario onde o realizador lle confire a súa propia mirada emparentada coa gran tradición dos viaxeiros románticos de séculos anteriores que introduciron para o mundo moderno a idea de Galicia como un espazo e lugar propio. Exploración mesturada cunha visión moderna e distanciada -probablemente debida á profesión inicial de fotógrafo aéreo- de grandes tomas panorámicas fan desta longametraxe unha peza nada convencional. Memoria cinematográfica ou conxunto de paisaxes que fan un todo ou o que é o mesmo: pais-axe. Testemuño dunha época allea ás convulsións das guerras, onde sen moitos cambios aparentes en séculos, aparécesenos unha país-axe preindustrial. Contemplación dun recordo fiel, case notarial, dun pasado en movemento produce ao velo, como a Fontán, a compracencia de repetir o goce do visionado, neste caso, da viaxe.

Porque só o feito documental pode achegarnos a unha certa verdade autónoma afastada de interpretacións mediáticas, do que se di que foi. Percorrido pola memoria dunhas paisaxes ou paisaxe feita memoria que hoxe, xa en pleno s. XXI, logo dun período recente de hiperdesarrollo, pide revisitar non só a modo de recordo senón como intento de reflexión, do concepto de cambio, do pasado e do presente visual dun país contado. Importancia, xa evidente, que pode ser aínda maior se chegamos a comprender a diferenza co hoxe, co suposto cambio da paisaxe, dos lugares, e en definitiva do ambiente que conformaba esta identidade. Xorde así a necesidade de establecer unha comparación dun pasado e un presente filmados. Xogaremos cos tempos, coa viaxe como elemento narrativo, diletante e alleo de cualificacións onde a diferencia nos fará ver o cambio como o que é, un desplazamento máis.

 

2.estar, representar e encadrar, fotografar

 “Xa non se ve a natureza só imaxes

Johan Wolfgan von Goethe,1749-1832

 

Agora mais que nunca a simple contemplación, o ver, complicouse, xa non é pola gran cantidade de imaxes que nos bombardea constantemente, tampouco pola mestura dos distintos tipos de imaxes, como dicía Barthes, senón que , diluídas na súa propia construción agochan un transfondo maior. A imaxe volveuse, ambigua xa, é hoxe de marxes mais borrosos, pasamos mais tempo en mundos autoconstruidos que nun mundo real. O dixital borrou a supremacía da imaxe fotográfica analóxica, esta xa non pertence a unha verdade -en realidade nunca o fixo xa que sempre foi unha visión subxectiva e persoal- é o que ti queiras que sexa, xa non sustenta necesariamente lóxica aparente algunha. Chegamos a un punto onde a irrealidad é mais real que a vida mesma e ver a imaxe fotográfica -que é ler- deixou de ser unha soa linguaxe articulada para dende os súas adentros converterse en multitude de linguaxes, volveu o romanticismo. Pero dá igual, o importante segue sendo a necesidade de representar, de reter o que un viu tanto se é real como non. O primordial, querer contar, segue sendo hoxe igual de urxente.

Por iso o personaxe romántico de C.D.Friedric perde sentido, co cabelo movido polo vento sobre o mar de néboa nos da as costas mentras observa a natureza supostamente salvaxe dende a cima e nós detrás miramos o que admira e xa non nos conmóve a súa admiración. O espectador desde o seu abrandado sofá, dálle igual a verdade ou a mentira, o imaxinado ou o real, cunha visión aséptica sabe que controla e deforma a pracer o mundo exterior nun paroxismo de imaxes automáticas de gran barroquismo. No fondo o romanticismo nunca se perdeu e hoxe rexorde, mais vixente que nunca, nunha grande incontinencia formal.

E é nesta viaxe, de guión preescrito case automático, onde o único momento de deriva -outra vez- consiste en atopar o lugar exacto onde se produciu a toma. Procura dun mesmo mirar, ás veces desesperado e outras pracenteiro, onde a cámara -o ollo técnico dunha modernidade xa pasada- é agora o noso verdadeiro personaxe romántico e o lugar noso único nexo co presente. Retratala aí pousada, mirando a, é unha dobre necesidade: proba irrefutable de que nós estivemos alí pero tamén postal da postal, retrato do contemplado. Punto onde un século antes alguén tamén parou para admirar, encadrar e representar unha vista dun pais-axe. Intento por retratarnos a nós mesmos, ao responsable do noso ver, a cámara.

A imaxe enmarcada convertese nun romanticismo predeterminado, contradición do ver contemporáneo. Xorden así, liberado xa do propio documental, unha multitude de paisaxes con personaxe, onde por primeira vez vémonos detrás da lente ante o atopado no canto de diante de, fronte ao previsto e dixerido por esta. Encadres que testifican e dialogan co lugar propio. Imaxes conscientemente analóxicas, -xelatina de prata- de vistas que unha vez enmarcadas cobran a suficiente autonomía para preguntarse polo menos ¿que fai ista aí?.

 

 

3.camiñar, discorrer ou chegar a bo termino, cartografiar

Camiñando gusta recordar e trazar esquemas. Pénsase dunha maneira particular

Ramón Otero Pedrayo,1878-1976

 

Dous temas interésanme desta cita. O primeiro, o discorrer producido co camiñar, onde un reelaboraba a forma de ver, de comprender o que ve. Dinamismo mental non debido á evidencia de desprazarse un mesmo, senón como ben di O. Pedrayo, ao “sucesivo renacer do horizonte” como feito visual. Concepto só posible nunha orografía de constante devir suavemente accidentada, argumento local de pensamento universal. Desprazamento, continua O.P., que configura unha maneira de pensar onde as ideas adquiren mais “unha tendencia de, que non unha forma”, porque só “cando se pensa a forma esta xa é viaxe rematada, morta”. De aí, o segundo tema de interese na cita, o “trazar esquemas” como necesidade de expresar un momento instantáneo de forma Porque se o viaxeiro sempre pensa no intre xorde de súpeto a imperiosa necesidade de, neste avanzar polo camiño, atrapar o potencial do discorrer, o pensamento do momentoo a través de todas as formas posibles, sempre co fin de agarrar o inasible. Son así, retrincos de medios diversos: pezas fílmicas mínimas, fotografías panorámicas ou planos que como apuntamentos, achegan unha reflexión sobre o ver, sobre a memoria do momento ou de como recoñecer a realidade dunha imaxe fronte a outros posibles e do subxectivo e incuestionable que é este mesmo feito.

É o caso das pezas do camiñar, onde os pasos e o son que os acompaña rexistra as múltiples variacións sobre un mesmo feito. Ou nas tomas onde a polaroid certifica no seu propio proceso a imaxe dun antes e dun despois. Se se procura agora revisitar o pasado e a memoria como tamén percorrer o novo presente, xa nada mais nostálxico pode haber que materializar a contraposición dunhas vistas permanentemente fotografadas na súa facer ou desfacer sobre a superficie final da propia imaxen.

Cal é a idea? ou mellor dito ¿non son as ideas do camiño inasibles?. Como nos recorda O.P.: “non hai unha paisaxe feita, definitivo e formado, cada un componse dos elementos anteriores e dos que veñen combinados despois, nun instante apenas, nunha forma enseguida desfeita, gardada no recordo como un esquema de sismo iniciado.”

En contraposición xorden durante o propio desprazamento grandes frescos panorámicos, fragmentos conxelados dunha forma de filmar, de ver e de comportarse, arqueoloxía da memoria comparada, reproducindo como nun espello: “o devir, o elan, os graos da perfección…propio das filosofías libres, imaxinativas, sentimentais” onde “a fijeza só representa un caso fugitivo nun instante de tempo”.

Todo para chegar finalmente á necesidade dunhas cartografías, como medio para comprender, na abstracción, o devir de todos os percorridos marcados polo pensamento da viaxe. Cartografía de desprazamentos varios, cinematográficos e reais, de pasado futurible e de presente fragmentado, pero todos intermitentes. Finos fíos que xuntos se converten en abstraccións da verdadeira paisaxe do recordo, do xa visto, que é á fin e ao cabo o único país que cada un de nós cremos coñecer. E que logo, obríganos coa pausa do cartógrafo, volver a percorrer co lapis do recordo e da toponimia porque: “camiñando rexorden todos os momentos, horizontes novos”.

Viaxe, en fin, de ida e volta de múltiple deriva que como unha tea de araña vai tecendo un territorio da memoria complexo. Pensamento entrelazado, devir en mapa abstracto que é como xa se dixo discorrer. Recordando sempre que : “os problemas de conciencia teñen un sistema de focos e radios reitores que nacen da forma de pensar paseando”. Polo que hai moita diferenza en pensar ou pasear nun xardín, nunha praza ou nun camiño. Sendo o escenario exterior e o que se fai todos os días influencia “na posición e relación dos pensamentos”.

E é así como nesta viaxe con todo o conxunto de pezas descritas se espera, senón pretende, plasmar pensamentos múltiples das preguntas dadas no camiño, ou como escribiu D. Ramón Otero Pedrayo o mesmo ano que o noso realizador documentaba Galicia:

Nós camiñantes se levásemos unha intención filosófica chegariamos ao final coa primeira interrogación multiplicada por outras moitas, todas resoltas de forma provisional de xeito que ao chegar ao final o primeira interrogante tomaría nova forza e rexuvenecería as respostas dadas no camiño. Coido que unha das razóns da vitalidade dunha filosofía; é gardar o frescor da alba das primeiras preguntas. Nós, os camiñantes, que en balde quixemos apresar algúns dos temas galegos; o que fixemos foi darlle movemento, dinamicidad a todos os temas xa pensados.” 5

Notas de viaxe

Primeiro pensamento

Tamén di Yi-Fu Tuan6 , en Space and Place: The Perspective of Experience, que un lugar/place require para a sua caracterización, do desprazamento dende il, até outro lugar. Resulta así evidente que non só é a diferenza a que crea as características propias que dan sentido a un lugar senón que ao mesmo tempo, e isto engádoo eu, o feito do desprazamento convértese en elemento fundamental para a súa apreciación tanto polo exercicio de comparación anteriormente dito como pola memoria e recordo que xera a sua non presencia na viaxe. Iste é o sentido de lugar. Así mesmo o proceso psicocognitivo que ocorre para que as persoas recoñezan o lugar como propio, debe cumprir como mínimo coas seguintes fases: “coñecer, apreciar e recoñecer a contorna; comprender, sentir e reclamar o lugar; conservar, restaurar e transformar o lugar; en cada un destes pasos vaise expresando con distintos niveis: sensorio-perceptivo, expresivo, cognitivo-disciplinar e ético-cultural.” 7

Esta claro que a paisaxe, nas súas características mais propias, na súa diferenza definen e dan a seguridade de que un pertence a un lugar determinado, ás veces dáse a suficiente consistencia, pola súa extensión e calidades, para que este sexa definido como parte ou en se mesmo dun País. Pero no seu constante avanzar, na sua deriva, até cando isto vai seguir sendo así?

Segundo pensamento

Fronte ao concepto de paisaxe como elemento cultural e estético atópase sempre o que non merece selo porque non é atractivo na forma. Hai unha certa tendencia hoxe en dia en ver a paisaxe cunha aura mitificada. Isto leva inmediatamente, ademais dunha certa nostalxia do pasado acompañada inevitablemente dun certo sentimento de perdida, a unha necesidade de protexer o que queda dese pasado glorioso, establecéndo o que debe ser, o que está ben ou é bonito. E o que non? debe ser feo.

Pero a paisaxe, como elemento vivo, é alleo a caracterizaciones estéticas prefijadas, non pode deterse, é cambio permanente. A paisaxe é, non pode volver ser pasado por mais virxe que este sexa, a árbore crece e o millo sécase. Parece que a paisaxe como caracterización dun lugar non debería levar atributo formal prefijado, canonizado, se non mais ben ser pensado como un elemento vivo e cambiante que hai que entender no seu dinamismo. Pero entón, qué facemos coa memoria?

Non se debe confundir unha crise de identidade evidente, fronte a un pasado aparentemente inmóbil e idílico pero múltiple e variado, co que é a reestruturación da paisaxe hoxe. Probablemente, na sua deriva permanente, a paisaxe e os que o transformaron non eran conscientes de elaborar unha figura culta. Tampouco hoxe parece que se sexa consciente de elaborar nada culto.

Antes o tempo facia o resto, a paisaxe era outra, hoxe coas mesmas formas e tempos para todos constrúese unha soa paisaxe. Agora todo é o mesmo, é unha paisaxe, pero…: E que facemos coa memoria?

3º-Reproducir exactamente unha viaxe feita por outro me permitiu non só contar cun guión preescrito, iso dá certo distanciamento obxectivo, senón ,nesta posición de case autómata, deambular na procura de. É a primeira deriva

4º-É unha deriva inconscientemente querida ou necesaria, vou ao encontro do que foi para reafirmar o no meu sentimento de perdida do pasado pero á vez para ofrecer aos demais a potencialidade do que puido ser.

5º-A medida que avanzo na procura de, nesta re-visión ao rescate da memoria, sinto me mais que nunha exploración arqueolóxica nunha sorte de reescritura da paisaxe, como un mero interlocutor.

6º-Cando comparo as dúas tomas ás veces sorprendentemente son transparentes e pasar ao branco e negro é posible, noutros é un espello e a cor devólveme á realidade.

7º-Sorpresa maiúscula, o atopado lévame case sempre a conclusións diferentes das de partida. Non todo é tan negativo como o vía nos meus paseos. Claro que a paisaxe cambiou, pero o preconcibido, o que se supuña que fora, é distinto, nin tan perfecto, nin tan idílico.

8º-Estaba equivocado, a ora natureza salvaxe antes estaba totalmente cultivada, construída.

9º-O violentado por unha construción, era así, destrución, pero non sobre a virxinidade. En realidade había un pasado pero faltaba a pegada, descoñecía os restos para corroborar se o lugar era outro, se todo perdeuse.

10º- E o monumento do pasado de presente impoluto, perfectamente conservado, era en realidade sen tanta teima pola pedra, encalado, precario, cheo de vida.

11º-E a grande panorámica de ampla visión, referentes dunha percepción da xeografía do vintenove, de súpeto xa non está e un tópase coa razón menos esperada. A natureza emborrona a vista cun simple patrón de bosques e maleza.

12º-Un empeza a coñecer as formas de moverse e de rodar do viaxeiro, de tempos e mobilidade distintos mais onde os camiños de fai 80 anos seguen estando. Atopámonolas, unhas xa convertidas en rúas, outras comidas pola vexetación onde crece o liquen –arqueoloxia recente- e moitas debaixo doutra estrada, non se destruíron.

13º- Descoñécese como viaxou e con quen, se utilizou o coche ou o tren, puntualmente o barco nalgunhas tomas, o que si está claro é que moveuse rápido para a época, viaxou lixeiro, 310 tomas en dous meses e tres mil metros de celuloide aválano.

14º-Parece que houbo unha certa economía de movementos, xa que en mais dunha ocasión varias tomas encaixan e corresponden a un simple xiro da cámara, sen movela do sitio, talvez eran as présas por cubrir toda a xeografía.

15º-Unha das tomas mais emocionantes foi a de Cabo Vilano, num. 164 e 165, complexa por ser unhas simples rochas con ondas batendo e contrariamente ao que un poida pensar, de que o lugar menos construído ía ser o menos preciso de rodar, foi xusto o contrario e pousamos o trípode exáctamente no mesmo sitio. Lugar con moitas mais referencias e sen dúbida máis historia que calquera praza ou rúa monumental, chea de arranxos para aparentar hoxe algo do vintenove. A outra toma, imposible de atopar, un penedo nas ondas, aparécesenos de súpeto co simple virar da cámara. Empezamos a comportarnos igual que o realizador de 1929, no fondo a forma de ver é a mesma, a lente y el cuadro

16º- É curioso, cando chego a cada lugar estes xa teñen unha personalidade previa en branco e negro. A función automática é recuperalas hoxe enmarcadas en technicolor. En principio non xulgo as variacións, as veces enfadase un, pero sorprendentemente ao longo do camiño empezo a chegar a bo termo con elas, e lóxico, todo cambia, outra deriva mais.

17º- Toda vista organízase dende un punto perspectivo, ou lugar. É una triangulación esquiva porque os referentes mais próximos moitas veces xa non nos valen, o construído cambiou. Só quédanos o perfil do horizonte, este revélase como o mellor compañeiro da viaxe, é o verdadeiro espello de Alicia, sempre estivo aí.

18º- As nosas referencias pasan a ser o perfil das montañas, o val, un pico ou loma en definitiva unha determinada conxunción de liñas que en cada caso oriéntannos e defínenos o lugar exacto onde pousar a camara. De súpeto as lomas, ladeiras e picos cobran protagonismo e dámosnos conta de que mais aló do construido, estes grandes esquecidos, son os verdadeiros referentes.

19º- Se elevamos esta reflexión a unha xeografía máis global atópome mirando cara as montañas, horizontes presentes no país do vintenove e agora case invisibles Están aí pero non se ven, non se lles fai caso. Non é de feito mellor referente e memoria mais fiable dun país iso que estivo sempre aí?

20º- A súa presenza é xenerosa e envexable, organizan grandes espazos perspectivos. Mellor aínda, con moverse un pouco, son capaces de dotar de carácter propio espazos moi diversos, cada vista é sutilmente diferente do resto.

21º- Parece coma se a velocidade actual haxa emborronado a percepción da paisaxe, e non debido precisamente ao desprazarmento rapido, senón á capacidade que temos de rexistrar con mais urxencia. O turista substitúe ao espectador romántico na busqueda e procura de.., até despois da foto.

22º- A extensa Viaxe por Galicia, 1929 foi realizado nunha época de incipiente promoción turística, sorpréndome pensando no gran realismo das súas tomas.

23º- O conxunto de paisaxes é difícil de ilustrar, eiquí esta cinematográficamente explícito no lento panear da cámara, unha e outra vez.

24º– Existe unha memoria perceptiva propia, que nos identifica, na nosa vivencia cun territorio, mais non e a única. Os media, mais insistentes e asépticos, propoñen tamén unha idea de paisaxe, breve, icónica, de marca, sen mediar unha e outra vez.

25º- Saramago no seu Caderno de Lanzarote, conta como a imaxe que tiña de Lisboa vaise distanciando de se aos poucos até recoñecer que vive unha cidade que case xa non existe. Fronte á súa memoria atopámonos coa memoria da memoria: créase unha imaxe previa, selectiva, da memoria dun lugar por razóns económicas, promocionais, turísticas, etc… allea moitas veces a túa propia idea. Así dunha forma, que se cre diferenciadora do resto, pregúntome, canto dese intento de recuperar un pasado, moitas veces loable, serve de articulador dun territorio? onde está a memoria dese lugar, na comida e a artesanía, nun monumento en cuestión ou nos montes, vales e estradas que o configuran permanentemente?

26º- Unha última curiosidade, non existe retrato algún do director, na Filmoteca Española non saben. Pero en varias tomas aparece un señor paseando ao longo da escena, nalgúns casos percorre o lugar co movemento da cámara, noutro senta á beira dun Carballo e levántase para saír do cadro coma se fose un paisano mais. Estou convencido que é el, quen mais moveríase coa escena ou construiría o plano conscientemente, salvo que fose o seu axudante. Eu polo si ou polo non incluínme nas tomas e agora acompáñoo.

 

 

NOTAS

1 Johann Wolfgang von Goethe. Paisajes. Circulo de Bellas Artes

2 Domingo Fontán, geógrafo galego foi Membro dá Academia dá Historia e da Sociedade de Xeografía de París, profesor de Matemáticas da Universidade de Santiago foi deputado a Cortes e Director do Observatorio de Madrid, morre en Cuntis como deputado por Santiago de Compostela. Fontán realizou o traballo cartográfico rexional máis importante do século XIX: a Carta Xeométrica de Galicia, a escala 1:100.000 e proxección de Bonne, levantamento apoiado nunha rede xeodésica realizada por el mesmo. Os traballos previos iniciáronse en 1817, determinando, mediante observación astronómica, a posición exacta da Torre do Reloxio da Catedral compostelá, punto central da triangulación que levou a cabo. O mapa consta de 12 follas de 73 x 60 cm. e conta cunha escala en leguas e outra en millas; como orixe das lonxitudes tomábase o meridiano do Real Observatorio de San Fernando. O orixinal presentouse no 1834- fuente :usuarios.lycos.es/domingofontan/

3 Luís R. Alonso 18??-1929, Nace en Palencia pasa de debuxante e ilustrador a establecerse como fotógrafo en 1915 crea Patria Filme con outros dous socios en Madrid. En 1919 a empresa pasa a chamarse Atlántida e participa en numerosas rodaxes como operador a partir de 1925 traballará como director. Falece o 12 de decembro de 1929

4 Caspar_David_Friedric, 1774, 1840, pintor romántico alemán. The wanderer above the sexa of fog, O viaxeiro sobre un mar de néboa, Oleo de 94.8 x 74.8 cm Kunsthalle, Hamburg, foi realizado en 1818

5 Pelerinaxes I por Ramón Otero Pedrayo, libro de viaxes Vicente Risco. Edicios do Castro, edición facsimilar.

6 Yi-Fu Tuan, 1930, é geógrafo e profesor emérito da Universidade of Wisconsin, Madison 1977. Space and Place: The Perspective of Experience foi publicado pola University of Minnesota Press, Minneapolis en 1977 e tamén por Edward Arnold, London in 1979.

7 E ADAMS, E. (1990a) Learning Through Landscapes.- Winchester, Optimum Litho Muntsa Calbó Angrill, 2001Universidade de Xirona, Catalunya. Departamento de Didácticas Específicas, Unidade de artes plásticas e visuais. (2001). Resposta da educación artística á crise ambiental: eixos e prácticas.

8 En 1914 Le Corbusier patenta a estrutura Dom-ino, serie de elementos prefabricados en formigón, de rápida construción e que pretende dar saída á necesidade de estandarización e sinxeleza deste novo material recentemente reinventado, a planta libre e a súa flexibilidade son a súa idea. A peza proposta non tivo o éxito esperado, a estrutura estandarizada tampouco, pero na súa concepción, a creación dun espazo igual e flexible entre forxados, si. Hoxe este sistema adaptado aos tempos, encofrado in situ, reprodúcese por case toda a xeografía de forma anónima como un medio sinxelo, económico e rápido de habitar. Converteuse así nunha forma de habitar estandar, de adaptación mínima ao lugar onde a diferenza persoal conséguese co aderezo ornamental final. Sistema adaptable que permite uso e ocupación no tempo: primeiro os cimentos e alicerces, logo o forxado, elévase a estrutura e logo ocupase un piso e outro. Así, gran cantidade de estruturas Dom-ino, anónimas, esparcese polo territorio, o habitar igualouse. A propia relación subxectiva coa terra nai -pai ou pai- estandarizouse, esta pasou a ser na súa relación co lugar un mesmo espazo entre forxados que enmarca agora múltiples pai-sajes.Por certo, tamén en1929, a bordo do correo Giulio Cesare, Josephine Baker e Le Corbusier camino de Brasil fan escala na Coruña e Vigo. Só dous apuntamentos no seu caderno de viaxe testemúñano, feitos desde a cuberta do barco, enmarca curiosamente o horizonte das montañas que asoman sobre a ría.